FEDERACION GALEGA DE GRUPOS DE DANZA
 
  PREMIO JUANJO LIÑARES
  Historial da Federación Galega de Grupos de Danza
  Eventos sinalados
  Xunta Directiva
  => Estatutos actualizados
  => Réxime interno
  Grupos
  Contacto
  Novas
Estatutos actualizados

MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS DA FEDERACIÓN GALEGA DE GRUPOS DE DANZA PARA ADAPTALOS Á LEI ORGÁNICA 1/2002.

 

CAPÍTULO I: DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1

1.1.-Procédese a adapta-los estatutos da FEDERACIÓN GALEGA DE GRUPOS DE DANZA (para o sucesivo “Federación”), con CIF G36650125,

1.2.-A Federación rexerase polos devanditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

 

Artigo 2

O domicilio principal e permanente da Federación radicará na cidade de A Coruña, Avda. de Hércules 41-43, C.P. 15002, teléfono 981 63 55 44, apartado de correos 1034.

Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutros lugares, mediante acordo da Asamblea Xeral, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó organismo encargado do Rexistro de Asociacións.

 

Artigo 3

A Federación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Artigo 4

4.1.-A Federación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

4.2.-A Federación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

 

Artigo 5

5.1.-Son fins principais da Federación:

5.1.a.- Defensa, conservación e difusión dos bailes e danzas autóctonas e tradicionais de Galicia e todo canto con elas se relacionen: música, vestuario, instrumentos, etc.

5.1.b.- Propagación do nome de Galicia ó traveso das súas danzas e bailes.

5.1.c.- Organización de cursos, charlas, coloquios, etc. sobre temas relativos ó folklore.

5.1.d.- Estudo, investigación e arquivo de datos folklóricos.

5.1.e.- Creación e organización de manifestacións folklórico-culturais.

5.1.f.- Todas aquelas outras actividades que, no seu momento, reclamen a presencia da Federación.

5.2.-Para levar a cabo os seus fins, poderá a Federación organiza-las seguintes actividades:

5.2.a.- Festivais folclóricos,

                5.2.b.- Conferencias, mesas redondas, exposicións, etc. e

5.2.c.- Todas aquelas que redunden na defensa, promoción e difusión das tradicións locais e da cultura tradicional e popular en xeral.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

 

CAPÍTULO II: DOS ASOCIADOS

 

Artigo 6

6.1.- Poderán asociarse á Federación os grupos de baile e danza, anque estatutaria e orgánicamente dependan doutras sociedades ou colectivos, un de cuios fins principais sexa a recollida, conservación e/ou difusión dos bailes e danzas tradicionais galegas e a música relacionada con elas e que figuren inscritos no rexistro da Consellería da Xunta de Galicia competente en materia cultural.

Aqueles que tiveran en trámite a súa inscripción no devandito rexistro, poderán ser admitidos provisionalmente, pasando á consideración de asociados en firme no intre en que xustifiquen documentalmente dita inscripción. Se, transcurrido un ano dende a data de solicitude de ingreso na Federación, non hubese xustificado a súa inscripción no rexistro, será dado de baixa, podendo solicitar novamente o seu ingreso cando demostre que foi inscrito na forma antes mencionada.

 

6.2.- As admisións de socios serán acordadas pola Xunta Directiva, previo escrito da agrupación solicitante dirixido a aquela, a cal deberá dar conta á Asamblea Xeral na primeira reunión que celebre.

 

Artigo 7

7.1.- A condición de asociado pérdese:

7.1.a.- Por vontade propia,

            7.1.b.- Por falta de pago de 4 cotas,

7.1.c.- Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Federación, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado e

7.1.d.- Por extinción da persoa xurídica.

7.2.-A expulsión de asociados nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

 

Artigo 8

Os grupos asociados teñen os seguintes dereitos:

8.1.- Participar nas actividades da Federación e, a traveso do seu representante, nos órganos de goberno e representación, exerce-lo dereito de voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos,

8.2.- Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da Federación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade,

8.3.- Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción e

8.4.- Impugna-los acordos dos órganos da Federación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.

 

Artigo 9

Son obrigas dos grupos federados:

9.1.- Comparti-las finalidades da Federación e colaborar para a súa consecución,

9.2.- Paga-la cotas que se establezan,

9.3.- Desempeña-los cargos para os que foron elixidos os seus representantes,

9.4.- Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Federación,

9.5.- Acata-lo contido dos Estatutos e Regulamento Orgánico de Réxime Internmo e

9.6.- Ter unha boa conducta cívica.

 

CAPÍTULO III: DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 10

A dirección e administración da Federación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

 

Artigo 11

11.1.- O Presidente da Asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os asociados e o seu mandato durará 4 anos. Será asistido nas súas funcións polo Vicepresidente-1º, ou, no seu defecto, polo Vicepresidente-2º, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

11.2.-     O Presidente terá as seguintes atribucións:

11.2.a.- Representar á Federación diante de calquera organismo público ou privado,

11.2.b.- Convocar e presidi-las sesións que celebre a Xunta Directiva; presidi-las sesións da Asemblea Xeral; dirixi-las deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate,

11.2.c.- Executa-los acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral,

                11.2.d.- Ordena-los pagamentos acordados validamente,

11.2.e.- Asina-las actas, certificados, pagos e outros documentos da Asociación xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate e

                11.2.f.- Delegación de facultades.

 

Artigo 12

12.1.- A Xunta Directiva estará formada polos grupos asociados elexidos a tal efecto e, que a traveso dos seus representantes desiñados, ocuparán os cargos de Presidente da Federación, Vicepresidente-1º, Vicepresidente-2º, Secretario, Tesoureiro e 4 vocais.

12.2.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa Federación. As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.

12.3.- A Asemblea Xeral será a competente para elixi-los grupos que formarán a través dos seus representantes a Xunta Directiva. A súa duración será por un período de 4 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

12.4.- A renovación farase por mitades nos anos pares.

12.5.- Os cargos cesarán na súa función:

12.5.a.- Cando se dé calquera das circunstancias descritas no artigo 7.1,

12.5.b.- Por transcurso do prazo para o que foron elixidos e

12.5.c.- Por acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por maioría cualificada dos asociados reunidos en Asamblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto. Esta maioría cualificada produciríase da forma en que se especifica no artigo 22.1.

 

A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cese automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.

En caso de vacante de calquera dos membros da Xunta Directiva, será ésta a que terá competencia para nomear provisionalmente á persoa que considere adecuada ata a nova elección de cargos.

En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de Presidente, Secretario e Tesoureiro.

 

Artigo 13

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

13.1.- Programar e dirixi-las actividades asociativas,

13.2.- Leva-la xestión administrativa e económica da asociación,

13.3.- Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior,

13.4.- Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral,

13.5.- Propoñer á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados,

13.6.- Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Federación,

13.7.- Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral,

13.8.- Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados,

13.9.- Propoñe-lo plan de actividades da Federación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas,

13.10.- Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan e

13.11.- Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da Federación.

 

Artigo 14

14.1.- A Xunta Directiva será convocada polo Presidente, a iniciativa propia ou a petición da metade máis un dos seus compoñentes.

14.2.- A convocatoria será feita polo Presidente con 7 días de antelación de forma en que quede constancia da recepción da mesma por parte do destinatario.

14.3.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros en primeira convocatoria; en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes. En todo caso é precisa a presencia do Presidente ou un dos vicepresidentes e o Secretario ou vocal que o substitúa.

O Secretario ou, no seu defecto, o vocal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

 

Artigo 15

Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

 

Artigo 16

A Asemblea Xeral de asociados é o órgano de expresión da vontade da Federación e estará formada por tódolas asociacións federadas, representadas, cada unha delas, por unha persoa desiñada pola asociación previamente ó acto asambleario.

 

Artigo 17

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

 

Artigo 18

A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no primeiro trimestre natural de cada ano. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente da Xunta Directiva, de forma en que quede constancia da recepción da mesma por parte do destinatario.

 

Artigo 19

Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

19.1.- Aproba-lo plan de actividades,

19.2.- Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior,

19.3.- Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio  e

19.4.- Exame e aprobación das cotas.

 

Artigo 20

Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

20.1.- Acorda-la disolución da asociación,

20.2.- Modifica-los estatutos da asociación,

20.3.- Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais,

20.4.- Cesa-los membros da Xunta Directiva, para o suposto especificado no apartado 4.d do artigo 12.

20.5.- Aproba-la confederación con outras federacións,

20.6.- Elixi-los membros integrantes da Xunta Directiva,

20.7.- Designa-los/as liquidadores/as,

20.8.- Ratifica-la expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva,

20.9.- Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación,

20.10.- Aproba-lo regulamento de réxime interno da asociación,

20.11.- As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación e

20.12.- Tódalas competencias non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.

 

Artigo 21

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes pero, en todo caso, coa presenza do Presidente ou un dos vicepresidentes e o Secretario ou Vocal que o substitúa.

 

Artigo 22

22.1.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos ós apartados 1 ó 5 do artigo 20, que requerirán maioría cualificada dos socios presentes ou representados, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade.

22.2.- As votacións deberán efectuarse de forma en que quede suficientemente garantizada a veracidade do seu resultado. Non serán admitidas as votacións por aclamación.

22.3.- Na elección da Xunta Directiva poderase formula-la presentación de candidaturas ata 72 horas antes da celebración da reunión e, neste caso, a votación será sempre secreta.

 

A continuación levaranse os acordos ó libro de actas e asinará o Presidente, o Secretario da asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral Ordinaria e aprobada pola maioría dos presentes.

 

Artigo 23

Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o Presidente. Posteriormente procederase a presenta-la orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ó debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

 

Artigo 24

Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria

 

Artigo 25

Serán atribucións do Vicepresidente-1º:

25.1.- Substituir ó Presidente nas súas ausencias.

25.2.- Exercita-las funcións ou competencias que lle delegue o Presidente.

 

Artigo 26

Serán atribucións do Vicepresidente-2º:

26.1.- Substituir ó Presidente nas súas ausencias, cando tamén estea ausente o Vicepresidente-1º.

26.2.- Coordinar tódalas actuacións dos membros que compoñen a Xunta Directiva.

 

Artigo 27

27.1.- O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle así mesmo notifica-las convocatorias e custodia-las actas e expedir certificacións destas co visto e prace do presidente. O secretario tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.

27.2.- Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do Secretario, o Presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.

 

Artigo 28

28.1.- O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Federación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así como as contas de resultados e balances.

28.2.- O Tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario co tempo suficiente para que as contas estean a disposición dos membros da Federación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

 

Artigo 29

Os Vocais terán as seguintes atribucións:

29.1.- Realizar programas e propostas na súa área de actuación e

29.2.- Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

 

 

CAPÍTULO IV: RÉXIME ECONÓMICO

 

Artigo 30

A Federación dispón dun patrimonio de 6.000 €. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

 

Artigo 31

A Federación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de presuposto será elaborado polo Tesoureiro da asociación, que deberá de telo preparado co tempo suficiente para  que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

 

Artigo 32

A Federación manterase dos seguintes recursos:

32.1.- As cotas periódicas dos/as asociados/as,

32.2.- As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea,

32.3.- As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares,

32.4.- Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da Federación e

32.5.- Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

 

Artigo 33

A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atende-las necesidades da asociación.

 

Artigo 34

Anualmente con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

 

Artigo 35

Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta de dous membros autorizados da Xunta Directiva, sendo obrigatorio que polo menos unha delas sexa a do Presidente ou a do Tesoureiro.

 

Artigo 36

Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados os recursos obtidos pola Federación.

 

 

 

CAPÍTULO V: DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

 

Artigo 37

O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ó ordenamento xurisdicional civil.

 
CAPÍTULO VI: MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 38

Os presentes estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado pola maioría especificada no artigo 22 destes estatutos. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

 

Artigo 39

A Federación disolverase voluntariamente por acordo pola maioría especificada no artigo 22 destes estatutos.

 

Artigo 40

Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente e o/a tesoureiro/a, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

 

 

Artigo 41

O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.

 

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

En todo canto non esté previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e as disposicións complementarias.

 

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

Os presentes Estatutos entrarán en vigor unha vez sexan aprobados pola Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia.

 

 

Dilixencia:

Dª ISABEL GARCÍA QUINTELA, na súa calidade de Secretaria da FEDERACIÓN GALEGA DE GRUPOS DE DANZA fai constar que os ditos Estatutos modificados en Asemblea Xeral celebrada  25 de marzo de 2007 sono para cumprir cos requisitos establecidos na disposición transitoria primeira da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

A Coruña, 25 de marzo de 2007

 

 

 

 

 

 

 

 
   
CONVOCATORIA DO PREMIO JUANJO LIÑARES  
  CONVOCADO O PREMIO QUE LEVARÁ O NOME DO MAESTRO JUANJO LIÑARES, COA COLABORACIÓN DA FUNDACIÓN E O MUSEO DO MESMO NOME DE ORDES  
WEB DO MUSEO DO TRAXE JUANJO LINARES  
  En funcionamento a paxina web do Museo do Traxe "Juanjo Linares":
www.museojuanjolinares.org
 
VÉRONNOS 2700 visitantes (4995 clics a subpáginas) Graciñas
Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis